Os líderes europeos reafirman a súa aposta por unha UE máis competitiva ante os retos xeoconómicos actuais
26/06/2025 | Consello Europeo, Defensa
— Os dirixentes comunitarios reuníronse en Bruxelas para debater sobre o papel da Unión fronte os desafíos globais e abordar os acontecementos en curso en Ucraína e Oriente Próximo
— A defensa e a seguridade europeas, a migración, a preparación e a seguridade interior completaron na orde do día
Bruxelas, 26 de xuño de 2025. Os líderes dos 27 reuníronse en Bruxelas para debater os retos xeoeconómicos e os acontecementos en curso en Ucraína e Oriente Próximo. Logo do encontro, o presidente do Consello Europeo, António Costa, asegurou que canto máis competitiva sexa a Unión Europea, máis poderemos configurar a economía mundial.
A defensa e a seguridade europeas, a migración, a preparación e a seguridade interior tamén figuraron na orde do día. Os dirixentes comunitarios celebraron, ademais, varios aniversarios, como os 40 anos da sinatura do Acordo de Schengen e os de varias ampliacións relacionadas coas adhesións de España e Portugal, Austria, Finlandia, Suecia, Bulgaria e Romanía.
Ucraína e Oriente Próximo
En relación con Ucraína, a UE mantense firme na súa solidariedade e seguirá prestando apoio ao país invadido, incluído soporte financeiro regular e predicible, e seguirá contribuíndo a tódolos esforzos para acadar unha paz global, xusta e duradeira, exhortando a Rusia a que mostre unha verdadeira vontade política de poñer fin á guerra.
Sobre Oriente Próximo, amósanse plenamente dispostos a contribuír a aplacar a situación, a reducir as tensións na rexión, a seguir proporcionando á poboación da rexión unha axuda que se adapte ás súas necesidades e a aumentar o labor humanitario. En concreto, os dirixentes comunitarios reclaman o alto o fogo inmediato en Gaza e instan a Israel que levante por completo o seu bloqueo sobre esa zona.
Defensa e seguridade europeas
A UE traballa, ademais, con celeridade para reforzar a súa preparación en materia de defensa a fin de facer fronte aos retos inmediatos e futuros. Os líderes dos 27 reclamaron que se traballe con celeridade para incrementar a preparación de Europa en materia de defensa de aquí a 2030. En palabras do presidente Costa, Europa busca ser máis soberana e máis responsable da súa propia defensa e estar mellor equipada para actuar de maneira coordinada.
A UE no mundo e a competitividade
Os dirixentes comunitarios debateron a evolución económica mundial e a relación que persigue a UE con socios clave. Subliñaron que o impulso da competitividade de Europa e unha maior integración do mercado único son fundamentais para manter a prosperidade e o modelo social de Europa e que contribúan a reforzar a influencia e a posición mundiais da UE como socio fiable. Nese sentido, apostan pola simplificación e mellora da lexislación e por unha verdadeira Unión da Enerxía antes de 2030.
Fonte e máis información: Consello Europeo, 26 de xuño de 2025 (Consello)