A CE escolle unha mina de litio en Galicia como proxecto estratéxico

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

A Comisión escolle unha mina de litio en Galicia como proxecto estratéxico para garantir o acceso a materias primas críticas na UE

26/03/2025 | , ,

— O Executivo comunitario adoptou unha listaxe de 47 iniciativas que impulsarán as capacidades estratéxicas nacionais, reforzarán a cadea de valor e diversificarán as fontes de subministración destes elementos

— Os proxectos seleccionados contribuirán significativamente á transición ecolóxica e dixital de Europa, ao mesmo tempo que apoiarán as industrias europeas de defensa e aeroespacial

Bruxelas, 26 de marzo de 2025. A Comisión Europea adoptou, por primeira vez, unha listaxe de 47 proxectos estratéxicos para impulsar as capacidades estratéxicas nacionais, reforzar a cadea de valor e diversificar as fontes de subministración de materias primas críticas. Entre eles, unha mina de litio no lugar de Doade do concello ourensán de Beariz.

Estes novos proxectos estratéxicos supoñen un fito importante na aplicación do Regulamento de materias primas fundamentais (CRMA), que ten como obxectivo garantir que a extracción, o procesamento e a reciclaxe europeos de materias primas estratéxicas satisfaga, respectivamente, o 10%, o 40% e o 25% da demanda da UE de aquí a 2030. Ao axudar a cumprir estas metas, as iniciativas escollidas contribúen significativamente ás transicións ecolóxica e dixital de Europa, ao mesmo tempo que apoian as industrias europeas de defensa e aeroespacial.

Séjourné: “Europa debe aumentar a súa propia produción de materias primas críticas”.

En palabras de Stéphane Séjourné, vicepresidente executivo para a Prosperidade e a Estratexia Industrial, “Europa depende actualmente de terceiros países para moitas das materias primas que necesita”, así que “debe aumentar a súa propia produción, diversificar a súa subministración externa e facer reservas”. Segundo Séjourné, a elaboración desta listaxe supón “un momento histórico para a soberanía europea como potencia industrial”.

Proxectos seleccionados

Os 47 proxectos seleccionados contribúen á subministración segura de materias primas estratéxicas ao mesmo tempo que cumpren os criterios medioambientais, sociais e de gobernanza, son tecnicamente viables e demostraron claros beneficios transfronteirizos para a UE. Espállanse entre 13 Estados membros e abranguen un ou máis segmentos da cadea de valor das materias primas entre as actividades de extracción, transformación, reciclaxe e substitución.

En canto aos elementos que proveen destaca o litio que xunto ao níquel, o cobalto, o manganeso e o grafito beneficiarán especialmente á cadea de valor das materias primas das baterías da UE. Pola súa banda, a resiliencia da industria de defensa comunitaria verase abastecida por iniciativas relacionadas co magnesio e o volframio.

Para entrar en funcionamento, os 47 proxectos estratéxicos teñen un investimento de capital global previsto de 22.500 millóns de euros. Poderán beneficiarse do apoio coordinado da Comisión, os Estados membros e as institucións financeiras para ser operativos, especialmente no que respecta ao financiamento e o apoio para conectarse cos compradores pertinentes.

Tamén gozarán de disposicións simplificadas de concesión de permisos, coa fin de garantir a previsibilidade para os promotores ao mesmo tempo que se salvagardan as normas medioambientais, sociais e de gobernanza. De acordo co CRMA, o proceso de concesión de permisos non excederá de 27 meses para os proxectos de extracción e 15 meses para outros proxectos. Actualmente, os procesos de permisos poden durar de cinco a 10 anos.

Contexto

O Regulamento de materias primas fundamentais (CRMA) entrou en vigor o 23 de maio de 2024. Ese mesmo día, a Comisión Europea publicou unha convocatoria de presentación de propostas para o recoñecemento de proxectos estratéxicos con data límite do 22 de agosto de 2024. O Executivo comunitario avaliou as solicitudes co apoio de expertos externos para comprobar se os proxectos cumprían cos criterios. Sobre a base desta avaliación, a Comisión identificou unha listaxe de proxectos de extracción, transformación, reciclado ou substitución de materias primas estratéxicas.

O Executivo comunitario consultou ao Consello de Materias Primas Fundamentais, composto por Estados membros e o Parlamento Europeo en calidade de observador, para debater e adoptar un ditame sobre a listaxe de proxectos estratéxicos o 20 de febreiro de 2025 e o 12 de marzo de 2025. A Comisión tamén recibiu solicitudes para proxectos situados en terceiros países. A decisión sobre a posible selección destes adoptarase nunha fase posterior. O Executivo comunitario anunciará proximamente unha nova convocatoria de solicitudes de proxectos estratéxicos, actualmente prevista para finais de verán.

Máis información: A Comisión selecciona 47 proxectos estratéxicos para garantir e diversificar o acceso ás materias primas na UE (Comisión)

Recapiti
Alejandro Gesto