Xunta e CE examinan o rol da competitividade no próximo orzamento

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

— A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, inaugurou e moderou unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’

— Un representante da Comisión Europea achegou o punto de vista comunitario, e Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do IGAPE, a visión galega

Bruxelas, 4 de xuño de 2025. A directora da oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas, Ana Ramos, inaugurou e moderou unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas. Un representante da Comisión Europea e Norberto Penedo, director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), abordaron o Marco Financeiro Plurianual (MFP) posterior a 2027 dende o punto de vista da competitividade.

Na súa intervención, Ana Ramos salientou a oportunidade que supuxo esta sesión para coñecer mellor o proceso de reflexión que está en marcha sobre o futuro orzamento da UE, que definirá as prioridades e os recursos dispoñibles para os vindeiros anos, cunha énfase clara na autonomía estratéxica, a dobre transición ecolóxica e dixital, e un crecemento sostible e cohesionado. A directora da oficina da FGE en Bruxelas explicou que a entidade segue este proceso coa máxima atención ao mesmo tempo que traballa na defensa dunha política de cohesión forte, cunha dotación orzamentaria suficiente e cunha definición e xestión descentralizada.

Pola súa banda, a Comisión Europea expuxo os obxectivos do próximo MFP, cuxa proposta se agarda para o mes de xullo. O novo orzamento pretende ser máis simple de manexar e máis flexible para facer fronte aos futuros desafíos. Estará, ademais, orientado a resultados e contará con plans para cada país con reformas e investimentos clave, deseñados e aplicados en asociación coas autoridades nacionais, rexionais e locais. Un novo Fondo Europeo de Competitividade está chamado a establecer a capacidade de investimento suficiente para apoiar sectores estratéxicos e tecnoloxías críticas.

Norberto Penedo, entre tanto, achegou a visión galega, a cal defende que competitividade e cohesión non son conceptos opostos, senón complementarios. Como mostra da contribución de Galicia á competitividade global da UE destacan os Proxectos Industriais Estratéxicos (PIE), figura autóctona que axiliza procedementos, así como aqueles proxectos galegos que xa recibiron o Selo STEP, cos que o executivo comunitario identifica iniciativas estratéxicas para a autonomía industrial europea.

Contexto

Máis de 700 representantes da Xunta participaron nas arredor de 50 sesións dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’ celebradas dende 2020. A Fundación Galicia Europa impulsou esta iniciativa durante a pandemia, para informar da resposta da UE e o deseño do período de programación 21-27, que evolucionou ata converterse nun foro mensual no que debater sobre os temas da axenda comunitaria máis relevantes para Galicia.

Recapiti
Alejandro Gesto