— A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, foi a encargada de inaugurar e moderar unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’
— Vicente Rodríguez Sáez, asesor na unidade de España e Portugal da DG REGIO, e Ángel Tarrío Tobar, director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, avanzaron os seus puntos de vista co próximo período de programación no horizonte
Bruxelas, 9 de xullo de 2025. A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, foi a encargada de inaugurar e moderar unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións comunitarias. O representante da Comisión explicou os antecedentes da política de cohesión, que leva máis de 40 anos tratando de reducir as disparidades entre as rexións europeas co obxectivo de lograr un desenvolvemento económico, social e territorial equilibrado. Pola súa parte, o representante da Consellería de Facenda explicou como están a revisar os actuais programas FEDER e FSE 2021-2027 no marco da revisión a medio prazo prevista na actual lexislación.
Na súa intervención, Ana Ramos explicou como o executivo comunitario trata de aproveitar este exercicio de revisión intermedia para incentivar o investimento dos recursos en novas prioridades estratéxicas, como a vivenda, a resiliencia hídrica ou a defensa. Así, engadiu, esta revisión intermedia convértese nun banco de probas para ensaiar enfoques e metodoloxías que moi probablemente marcarán o próximo marco financeiro a partir de 2028, cuxa proposta lexislativa está prevista para a semana que vén.
A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas advertiu que dende Galicia se observa este proceso con grande atención, conscientes de que ideas como a de agrupar os fondos de cohesión en plans únicos nacionais ou modelos de xestión inspirados no Mecanismo de Recuperación e Resiliencia poderían alterar o impacto da política de cohesión. Por iso, subliñou, a nosa comunidade está a mobilizarse en diferentes foros europeos para defender unha política de cohesión forte, ben financiada e con dimensión territorial.
Contexto
Máis de 700 representantes da Xunta participaron nas arredor de 50 sesións dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’ celebrados dende 2020. A Fundación Galicia Europa impulsou esta iniciativa durante a pandemia, para informar da resposta da UE, que evolucionou ata converterse nun foro mensual no que debater sobre os temas da axenda comunitaria máis relevantes para Galicia.