— A Comisión adoptou un novo marco en apoio do Pacto por unha Industria Limpa para fomentar as enerxías e as tecnoloxías limpas e a descarbonización industrial
— Ao permanecer en vigor ata 2030, este Pacto ofrece ás empresas previsión a longo prazo
Bruxelas, 25 de xuño de 2025. A Comisión Europea adoptou un novo marco de axudas estatais en apoio do Pacto por unha Industria Limpa para que os Estados membros fomenten as enerxías e as tecnoloxías limpas e a descarbonización industrial. Este pacto establece as condicións da concesión de axudas polos Estados membros a determinados investimentos e obxectivos para estimular as industrias limpas ao facilitar a rápida concesión destas achegas.
Ao permanecer en vigor ata o 31 de decembro de 2030, o Pacto por unha Industria Limpa aportará aos Estados membros e as empresas previsión a longo prazo. O novo marco sobre axudas estatais simplifica a regulación en cinco grandes ámbitos:
- o emprego de enerxías renovables e combustibles hipocarbónicos;
- a redución temporal dos prezos da electricidade para os grandes consumidores de enerxía a fin de facilitar a transición a unha electricidade limpa barata;
- a descarbonización das instalacións de produción existentes;
- o fomento da capacidade de fabricación de tecnoloxías limpas na UE;
- e a redución do risco dos investimentos en enerxía limpa, descarbonización, tecnoloxías limpas, proxectos de infraestruturas enerxéticas e proxectos de apoio á economía circular.
En definitiva, este novo marco ofrece unha «vía rápida» para o emprego de enerxía limpa. As novas normas sobre medidas de flexibilidade e mecanismos de capacidade ofrecen aos Estados membros máis ferramentas para integrar as fontes de electricidade renovables intermitentes (enerxía eólica e solar) na subministración de enerxía, garantindo ao mesmo tempo que os consumidores se beneficien dunha subministración de electricidade de calidade. Tamén promove axudas aos custos da electricidade para os grandes consumidores de enerxía e o apoio flexible aos investimentos en tódalas tecnoloxías que conduzan á descabronización ou a unha maior eficiencia enerxética.
Teresa Ribera, vicepresidenta executiva para unha Transición Limpa, Xusta e Competitiva: “Se Europa quire liderar as tecnoloxías limpas, debemos actuar con valentía e claridade. O novo marco simplifica e acelera o apoio á descarbonización, pero tamén vai máis alá, ao recoñecer ao Estado como un investidor estratéxico no noso futuro. Trátase dunha ferramenta para impulsar a ambición climática, reforzar a resiliencia de Europa e velar por que a nosa industria siga sendo competitiva a escala mundial. Facémolo defendendo ao mesmo tempo a integridade do noso mercado único, evitando distorsións e facendo que os nosos sistemas enerxéticos sexan máis estables, asequibles e equitativos”.
Contexto
Existen normas da UE sobre axudas estatais para evitar que as axudas públicas dean lugar a que unha empresa obteña unha vantaxe distorsionadora sobre as súas competidoras.
As outras normas sobre axudas estatais pertinentes dende o punto de vista do Pacto por unha Industria Limpa (as Directrices sobre axudas estatais en materia de clima, protección do medio ambiente e enerxía) seguirán aplicándose en paralelo e os Estados membros poderán aproveitalas para conceder axudas diferentes e máis complexas. Os Estados membros tamén seguirán concedendo axudas estatais neste ámbito en virtude do Regulamento xeral de exención por categorías, sen necesidade de notificalas á Comisión.
A Comisión consultou aos Estados membros e ás partes interesadas sobre o proxecto marco de axudas estatais. A isto precedeulle unha enquisa aos Estados membros sobre o aproveitamento do Marco Temporal de Crises e Transición. Ao elaborar a versión definitiva do marco, a Comisión tivo en conta todas as observacións recibidas. Os detalles desta consulta e as observacións recibidas poden consultarse aquí.
Máis información:
Pacto por unha Industria Limpa
Marco Temporal de Crises e Transición
Regulamento sobre a Industria de Cero Emisións Netas
Directrices sobre axudas estatais en materia de clima, protección do medio ambiente e enerxía
Regulamento xeral de exención por categorías
Fonte: O novo marco de axudas estatais facilita as axudas a unha industria limpa (Comisión)