A oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas acolle o V Seminario Interrexional do proxecto “Rural Youth Future”
16/10/2025 | RuralYouthFuture
— Ao longo de varias sesións, os participantes puxeron en valor os avances acadados na posta en marcha de políticas rurais, os primeiros resultados do proxecto e a importancia da aprendizaxe interrexional como motor de innovación e desenvolvemento nas zonas rurais.
Bruxelas, 16 de outubro de 2025.- O centro de políticas KMOP celebrou os días 15 e 16 de outubro o V Seminario Interrexional do proxecto “Rural Youth Future” na oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas. Un encontro que reuniu aos socios do proxecto, así como a técnicos e expertos de diferentes puntos da Unión Europea, co obxectivo de avanzar no fortalecemento das políticas dirixidas á mocidade rural e ao desenvolvemento rural sostible e inclusivo.
A directora da Oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, foi a encargada de dar a benvida aos participantes, subliñando a importancia de impulsar políticas públicas que fomenten a participación xuvenil e garantan o futuro das zonas rurais europeas. Na mesma liña, expresouse a representante de políticas de Interreg Europe, quen destacou o compromiso común das rexións socias por promover políticas eficaces e participativas que melloren a vida da mocidade rural en toda Europa.
Intercambio, innovación e aprendizaxe
Presentacións de boas prácticas, mesas redondas e diversos debates temáticos integraron o programa deste seminario, que serviu como un espazo para o intercambio de experiencias, enfoques e ideas entre expertos, representantes institucionais e axentes rurais de distintos países europeos. Neste sentido, destacáronse varios programas galegos, que os socios do proxecto puideron coñecer na súa recente visita a Galicia, como “Galicia moza con ALMA” ou “Xuventude Mentoring na Empresa”, ambos da Dirección Xeral de Xuventude (DXX), e accións concretas, como a “Mapa de recursos para a xuventude” (tamén da DXX) ou a Guía de prácticas e saídas profesionais da FGE, traducida ao portugués en 2025 no marco do compromiso da entidade coa cooperación transfronteiriza.
Ao longo das sesións, puxéronse en valor os avances acadados na posta en marcha de políticas rurais, os primeiros resultados do proxecto e a importancia da aprendizaxe interrexional como motor de innovación e desenvolvemento destas zonas.
Entre as intervencións máis salientables estiveron a da plataforma comunitaria do Pacto Rural e a da rede “Rural Youth Europe”. Ambas achegaron perspectivas clave sobre o empoderamento da mocidade rural mediante políticas públicas concretas e efectivas.
Políticas que funcionan, enfoques prácticos e estratexias de avaliación
Un dos momentos centrais do encontro foi a mesa redonda “Políticas que funcionan: enfoques prácticos e estratexias de avaliación”, na que os socios do proxecto analizaron os principais factores que inflúen no deseño, posta en marcha e avaliación das políticas para a mocidade rural.
O seminario rematou cunha sesión de planificación estratéxica, na que se definiron os próximos pasos da folla de roteiro do proxecto e se reafirmou o compromiso dos participantes co intercambio permanente de coñecementos e boas prácticas entre as rexións asociadas.
Sobre RuralYouthFuture
O proxecto “Rural Youth Future” ten como obxectivo impulsar o emprego xuvenil e garantir postos de traballo accesibles e de calidade para a mocidade das zonas rurais. Para iso, céntrase en seis instrumentos políticos a nivel municipal, rexional e nacional, co propósito de afrontar o reto común de dar resposta ás necesidades da xuventude nos territorios rurais afectados polo descenso poboacional. O proxecto conta coa participación de socios de oito países europeos: España, Bulgaria, Eslovenia, Lituania, Portugal, Estonia, Bélxica e Serbia.
Cun financiamento de 1,9 millóns de euros, o proxecto desenvólvese no marco do Programa Interreg Europa, cofinanciado con fondos FEDER.