Pagos instantáneos en euros: máis rápidos e seguros

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

— As novas normas da UE permiten transferencias en euros ao instante, dispoñibles as 24 horas do día e en toda a zona do euro

— Os pagos inmediatos serán máis accesibles, seguros e económicos, beneficiando tanto ás persoas como ás empresas europeas

Bruxelas, 9 de outubro de 2025. A partir de hoxe, o envío de diñeiro a toda a zona do euro será máis rápido e seguro ca nunca. Grazas ás novas normas da UE sobre pagos inmediatos, as persoas e as empresas poden agora transferir diñeiro en euros en cuestión de segundos, en calquera momento (día ou noite, laborables ou festivos), tanto dentro do seu propio país como en toda a zona do euro.

Desde xaneiro de 2025, os provedores de servizos de pago (PSP) da zona do euro están obrigados a ofrecer aos seus clientes a posibilidade de recibir pagos inmediatos en euros. A partir de hoxe, os provedores de servizos de pago tamén están obrigados a ofrecer aos seus clientes o servizo de envío de pagos inmediatos en euros e, co fin de combater a fraude nas transferencias en euros, o servizo de verificación do beneficiario (VoP). Isto fai que os pagos instantáneos sexan máis accesibles, seguros e asequibles para todos en toda a zona do euro.

Os pagos instantáneos impulsarán a economía europea e achegarán importantes beneficios á cidadanía e ás empresas. Para as persoas, o diñeiro estará dispoñible de inmediato, o que facilita moito facer fronte ás emerxencias ou dividir gastos en situacións sociais. No caso das empresas, mellorarase a xestión do fluxo de caixa e o servizo ao cliente: ao ofrecer un método de pago adicional, aforrarán tempo e reducirán custos.

Que cambia:

  • O diñeiro móvese ao instante: As transferencias en euros xa non durarán días, senón que chegarán á conta do destinatario en segundos, en calquera momento, tamén polas noites, nas fins de semana e nos festivos.

  • O mesmo prezo que as transferencias habituais: Os bancos e outros provedores de servizos de pago non deben cobrar máis por un pago instantáneo que por unha transferencia de crédito estándar.

  • Maior protección contra a fraude e os erros: Antes de realizar un pago, os provedores deberán verificar se o nome do beneficiario coincide co IBAN indicado, axudando así a evitar erros e estafas. Este servizo prestaráselle de forma gratuíta á persoa ordenante.

  • Menores custos de tramitación dos pagos: As novas normas tamén permiten ás entidades de pago e de diñeiro electrónico participar directamente nos sistemas de pago, de maneira que poidan prestar os seus servizos, incluídos os pagos instantáneos, de forma máis eficiente.

Próximos pasos

A partir de xaneiro de 2027, os provedores de servizos de pago de fóra da zona do euro tamén estarán obrigados a permitir que os seus clientes envíen e reciban pagos inmediatos en euros e verifiquen o beneficiario.

A Comisión seguirá de preto a evolución das comisións por pagos inmediatos e avaliará se existen outros obstáculos pendentes para a súa dispoñibilidade e uso, informando aos colexisladores da UE para garantir que sigan sendo accesibles e asequibles.

Antecedentes

O Regulamento sobre pagos inmediatos (marzo de 2024) actualiza as normas de 2012 sobre transferencias en euros para reflectir o progreso tecnolóxico e as necesidades actuais das persoas e das empresas.

As normas implantáronse de maneira gradual para garantir unha transición fluída para os provedores de servizos de pago. Desde o 9 de xaneiro de 2025, os provedores de servizos de pago da zona do euro teñen prohibido cobrar taxas máis elevadas polos pagos inmediatos que as aplicables ás transferencias ordinarias. Ademais, os provedores que aínda non ofrecen pagos instantáneos en euros tiveron que facer posible que os seus clientes poidan recibilos.

Máis información: Comisión Europea

Recapiti
María Sabarís