A delegación española do Comité Europeo das Rexións expresa o seu rexeitamento á proposta de futuro orzamento comunitario
22/10/2025 | Comité Europeo das Rexións
— Presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a delegación reuniuse de maneira excepcional en Santiago de Compostela para adoptar a Declaración “Galicia”
— Esta declaración resume a posición das comunidades autónomas, concellos e deputacións de España no debate sobre o futuro marco orzamentario 2028-2034, tras a proposta presentada pola Comisión Europea a mediados de xullo
Saniago de Compostela, 21 de outubro de 2025. A delegación española do Comité Europeo das Rexións (CdR), composta por 21 representantes de comunidades autónomas e entidades locais, emitiu unha firme declaración de rexeitamento ante a proposta da Comisión Europea para o próximo Marco Financeiro Plurianual (MFP) 2028–2034.
A delegación denuncia que a creación dos chamados plans de colaboración nacional e rexional podería provocar unha excesiva centralización das decisións, debilitar o papel das rexións na definición das prioridades de gasto e poñer en risco o principio de cohesión territorial da Unión Europea.
Así mesmo, lamenta a falta de ambición orzamentaria da proposta, que se sitúa por debaixo do 2 % da Renda Nacional Bruta da UE, e reclama recursos financeiros suficientes para facer fronte aos retos xeopolíticos actuais ao tempo que se continúan financiando as políticas comunitarias recollidas nos Tratados.
Entre as principais preocupacións expresadas destacan:
A redución de fondos xestionados de forma compartida entre a Comisión Europea, os Estados e as rexións.
A ausencia de mecanismos que garantan a participación efectiva das autoridades rexionais e locais na gobernanza dos fondos.
A diminución real da financiación destinada á Política Agraria Común e á Política Pesqueira Común.
Ante estas preocupacións, a delegación demanda un orzamento diferenciado para a política de cohesión, dirixido a todas as rexións, así como criterios obxectivos de asignación rexional predefinidos a nivel comunitario. Doutra banda, insiste en que a UE debe continuar apoiando financeiramente a viabilidade económica do sector primario, en vista da súa importante contribución á autonomía estratéxica da Unión e á fixación de poboación no medio rural.
A delegación española insta o Goberno de España a defender esta posición no Consello e propón un novo marco de cooperación territorial que recoñeza o papel das comunidades autónomas como autoridades de xestión, en estreita colaboración coas autoridades locais, e que poña en marcha estruturas de coordinación máis eficaces entre os distintos niveis de goberno.
Ampla representación institucional
A inauguración correu a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, mentres que o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, foi o encargado de explicar os 25 puntos da Declaración Galicia, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, de clausurar o acto.
Como convidados das institucións europeas, interveu o director do Servizo Xurídico da Comisión Europea, Daniel Calleja, para explicar a proposta da Comisión publicada o 16 de xullo, e o membro español do Tribunal de Contas Europeo (TCE), Alejandro Blanco, para presentar o seu recente informe sobre o futuro da política de cohesión.
Representantes de todas as comunidades autónomas e da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) acudiron á cita celebrada na Cidade da Cultura. Aos membros da delegación española do CdR, como a vicepresidenta do Goberno de Aragón, María del Mar Vaquero, o conselleiro asturiano de Asuntos Europeos, Guillermo Peláez, ou a conselleira de Presidencia de Cantabria, María Isabel Urrutia, uníronse varios responsables autonómicos en materia de fondos europeos.
En representación da FEMP, asistiron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o alcalde de Badalona, Xavier García Albiol, quen recalcaron a necesidade de continuar contando cunha partida específica para o desenvolvemento urbano.
Próximos pasos
A Fundación Galicia Europa, como oficina de representación da Xunta en Bruxelas, fará chegar esta declaración ás institucións europeas implicadas na negociación do próximo marco financeiro plurianual, principalmente o Consello, o Parlamento Europeo e a propia Comisión Europea.
A adopción desta declaración ten lugar poucos días despois da aprobación unánime dunha resolución do CdR sobre esta cuestión e do chamamento feito pola Alianza da Cohesión para revisar a reforma da política de cohesión.
A proposta de MFP deberá ser aprobada por unanimidade no Consello, previo consentimento do Parlamento Europeo.