Galicia destaca na Semana Europea das Rexións e das Cidades cunha axenda centrada en defensa, cooperación transfronteiriza, industria verde e emprendemento
15/10/2025 | #EURegionsWeek, Comisión Europea
— A Fundación Galicia Europa organizou tres charlas sobre estratexias clave para o futuro de Galicia: defensa, industria limpa e cooperación con Portugal
— A Xunta tamén participou nun seminario para compartira a súa experiencia como Rexión Emprendedora Europea 2025
Bruxelas, 15 de outubro de 2025. Rematou a vixésimo terceira edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek), celebrada entre o 13 e 15 de outubro baixo o lema “Modelando o mañá xuntos”. Ó longo de tres días, Bruxelas acolleu máis de 200 obradoiros e charlas no marco deste evento consolidado como o máis relevante sobre política rexional europea.
A través da Fundación Galicia Europa (FGE), a nosa comunidade leva participando na #EURegionsWeek dende as súas orixes no ano 2003. Este ano, Galicia estivo representada nun total de catro citas, tres delas organizadas directamente pola propia FGE.
Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025
O martes 14 de outubro, Galicia participou nun seminario sobre como mellorar a lexislación e o apoio ás pemes, compartindo a súa experiencia xunto con representantes dunha rexión polaca e outra croata, coas que comparte o recoñecemento de Rexión Emprendedora Europea 2025.
Farrah Lisa Meghazi presentou a estratexia Galicia EER2025, un plan integral para impulsar o emprendemento nas zonas rurais galegas mediante un enfoque personalizado. A estratexia responde ós desafíos característicos das áreas rurais, como o despoboamento e o envellecemento da poboación, e contribúe á prosperidade social e económica de toda a rexión.
O plan de acción estrutúrase en torno a cinco prioridades desenvolvidas en nove programas que abarcan 27 accións concretas. Entre as iniciativas destacan o programa “Galicia EnRural”, a rede de aceleradores rurais, a plataforma “RuralGalicia Innovation”, a rede “Galicia Co-living” de espazos de cotraballo e cohabitación en áreas rurais, e programas específicos de apoio á mocidade e ás mulleres emprendedoras.
Estratexia galega para a defensa, a seguridade e o espazo
O mércores 15 de outubro, Farrah Lisa Meghazi, subdirectora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia presentou a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aerospazo 2025-2030, que desexa capitalizar as oportunidades que ofrece o novo contexto europeo nestes sectores estratéxicos. A Estratexia conta cun orzamento total de 183 millóns de euros para o período 2025-2030, distribuídos en tres programas que buscan mobilizar un investimento total próximo ós 900 millóns de euros.
“A Iniciativa Estratéxica busca reforzar e expandir o ecosistema industrial de Galicia nestes sectores estratéxicos, consolidando o papel da rexión como un nodo industrial e tecnolóxico clave a nivel nacional e europeo”, sinalou Meghazi. Ademais, a colaboración público-privada é a pedra angular desta iniciativa. “A través dun diálogo estruturado con empresas e centros de investigación, a Xunta de Galicia pretende identificar prioridades comúns, atraer investimento e fomentar o crecemento industrial”, explicou a subdirectora.
Cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal
Outra das charlas organizadas pola FGE centrou a atención na Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal como modelo para a planificación estratéxica transfronteiriza. Nuno Almeida, director da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, presentou este territorio transfronteirizo que abrangue 50 862,6 km², 399 concellos e aproximadamente 6,4 millóns de habitantes, cun PIB combinado de 156 000 millóns de euros.
A AECT funciona como brazo operativo da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, creada en 1991, e está presidida actualmente por Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia. Entre os seus instrumentos estratéxicos destacan o Plan Conxunto de Investimentos 2021-2027, a Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza 2021-2027 e o Plan Estratéxico Transfronteirizo 2025-2028, actualmente en desenvolvemento.
Renacemento industrial verde de Europa
A terceira charla organizada pola FGE abordou como Galicia está impulsando o renacemento industrial verde de Europa. Farrah Lisa Meghazi explicou que a industria representa actualmente o 16,5% do PIB galego e que a Xunta de Galicia pretende incrementar esta cifra ata o 20%.
A estratexia industrial galega sitúa a sostibilidade e a competitividade no seu núcleo, aproveitando os recursos naturais da rexión para xerar valor rexional, atraer investimento e reforzar o papel de Galicia na transición verde europea. A subdirectora xeral destacou que, a través de normas claras, alianzas sólidas e proxectos estratéxicos, Galicia está a construír un ecosistema industrial moderno que equilibra a descarbonización co crecemento, apoia ás grandes industrias e garante que o progreso beneficie a toda a rexión.
Galicia participa na Semana Europea das Rexións e das Cidades dende so seu inicio no ano 2003, cando as oficinas de representación rexional en Bruxelas abriron as súas portas a expertos e profesionais da política rexional. Dende entón converteuse no maior evento da UE dedicado á política de cohesión, atraendo cada ano a miles de participantes como representantes políticos, empregados públicos, expertos académicos, xornalistas e sociedade civil. Esta semana serve como plataforma para a creación de redes cooperación e o intercambio de coñecementos sobre como abordar os desafíos da UE a escala subnacional.
MÁIS INFORMACIÓN
- Uso dual, un único propósito: o papel de Galicia no futuro da defensa europea
- AECT Galicia–Norte de Portugal: un modelo para a planificación estratéxica transfronteiriza
- Virando o rumbo: como Galicia está impulsando o renacemento industrial verde de Europa
- Mellorar a regulación e os servizos de apoio ás pemes: un desafío para as rexións e a UE