Galicia prepara a súa intensa participación na Semana Europea das Rexións e das Cidades 2025
11/09/2025 | #EURegionsWeek
— Aberto o prazo de solicitudes para asistir á #EURegionsWeek, o maior evento anual de índole rexional que se celebra na capital comunitaria
— Co apoio da Fundación Galicia Europa, Galicia estará presente en catro actividades e outras dúas contarán tamén con participación galega
Bruxelas, 10 de setembro de 2025. Durante Durante o verán Galicia acabou de preparar a súa intensa participación na Semana Europea das Rexións e das Cidades 2025 que se celebrará do 13 ao 15 de outubro. O prazo de solicitudes para asistir de maneira presencial ou en liña está aberto ata o 30 de setembro. Baixo o lema “Modelando o mañá xuntos”, esta nova edición ofrece máis de 200 obradoiros e charlas para intercambiar ideas e conectar con rexións e cidades de toda Europa.
Este ano, a Fundación Galicia Europa (FGE) organiza tres charlas para explicar que está a facer Galicia para impulsar a industria de defensa, promover grandes proxectos de industria limpa e cooperar de maneira estratéxica co Norte de Portugal.
Terán lugar o mércores 15 de outubro baixo o formato de EURegions Talk e os seguintes títulos:
- Uso dual, un só propósito: o papel de Galicia no futuro da defensa europea.
- Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal: un modelo para a planificación estratéxica transfronteiriza.
- Cambiando o rumbo: como Galicia está impulsando o renacemento industrial verde de Europa.
O martes 14 de outubro, un seminario sobre como mellorar a lexislación e o apoio ás pemes reunirá a expertos e representantes institucionais para debater sobre como a nova axenda de simplificación da UE pode despregarse a nivel local e rexional. Galicia participará nel xunta outra rexión polaca e outra croata, coas que comparte o recoñecemento de Rexión Emprendedora Europea 2025.
Á marxe destas catro citas, outras dúas contarán con participación galega. O Consello de Contas coorganiza o martes 14 de outubro un seminario titulado O dereito a permanecer e vivir en pequenos municipios: evidencias e experiencias sobre o papel da contorna construída, a contorna social e os servizos públicos. Pola súa banda, a Eurocidade Chaves-Verín coorganiza un debate baixo o título Rexións e municipios en acción: afrontando a incerteza mediante a prevención, a preparación e a protección nos territorios transfronteirizos europeos.
Galicia participa na Semana Europea das Rexións e das Ciudades dende so seu inicio no ano 2003, cando as oficinas de representación rexional en Bruxelas abriron as súas portas a expertos e profesionais da política rexional. Dende entón converteuse no maior evento da UE dedicado á política de cohesión, atraendo cada ano a miles de participantes como representantes políticos, empregados públicos, expertos académicos, xornalistas e sociedade civil. Esta semana serve como plataforma para a creación de redes cooperación e o intercambio de coñecementos sobre como abordar os desafíos da UE a escala subnacional.
Máis información: Semana Europea das Rexións e Cidades