O CITIC reforza a súa proxección europea en materia de I+D+i

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

— Unha delegación do centro TIC da UDC reuniuse en Bruxelas coa Fundación Galicia Europa

— O encontro concluíu co compromiso de manter abertas as conversacións para avanzar cara a un acordo formal de colaboración entre a FGE e CITIC

Bruxelas, 11 de novembro de 2025. Unha delegación do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, integrada por Blanca Padín, responsable de Coordinación de Estratexia e Xestión; Alexia Díaz, da área de Proxectos Internacionais, e Vera Iglesias, da Fundación CITIC de Galicia, atópase esta semana en Bruxelas desenvolvendo unha axenda de traballo centrada no fortalecemento da presenza do centro no ámbito europeo.

Neste contexto, as representantes do CITIC mantiveron un encontro coa Fundación Galicia Europa (FGE), onde foron recibidas pola súa directora, Ana Ramos Barbosa, e pola coordinadora de Políticas Europeas, Vanessa Lobo Casas.

O obxectivo principal da reunión foi explorar posibles vías de colaboración institucional entre ambas entidades, en liña co propósito común de impulsar a participación galega en programas e redes europeas de investigación e innovación.

Durante a sesión, o CITIC presentou o seu posicionamento estratéxico e o seu papel como axente crave do ecosistema galego de I+D+i, destacando a súa capacidade investigadora en áreas como intelixencia artificial, ciberseguridade, big data e accesibilidade tecnolóxica. Tamén se subliñou o valor do persoal investigador como motor esencial para a transferencia de coñecemento e a excelencia científica.

A reunión permitiu identificar novas oportunidades de cooperación interinstitucional que contribúan a aumentar a visibilidade internacional da investigación galega. Neste sentido, a Fundación Galicia Europa destacouse como un socio estratéxico para fortalecer os lazos entre as institucións de Galicia e os organismos da Unión Europea.

Desde a FGE abordáronse así mesmo os cambios achegados no novo Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 para os programas de financiamento europeos, como Horizonte Europa. Fíxose fincapé na relevancia que a industria de defensa está a adquirir no financiamento europeo e na importancia de situar a Galicia nunha posición competitiva dentro do novo contexto europeo.

O encontro concluíu co compromiso de manter abertas as conversacións para avanzar cara a un acordo formal de colaboración, que permita reforzar a proxección europea do CITIC e da Universidade da Coruña, beneficiando ao conxunto do sistema científico e universitario galego.

Fonte da información: CITIC

Recapiti
María Sabarís