— Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e presidente da Fundación Galicia Europa, inaugurou a 23ª edición de TecEuropa en Bruxelas
— Durante esta semana os participantes recibirán formación sobre como acceder ao financiamento comunitario e visitarán as principais institucións comunitarias
Bruxelas, 18 de novembro de 2025. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes e presidente da Fundación Galicia Europa, foi o encargado de inaugurar hoxe en Bruxelas a 23ª edición de TecEuropa, o curso de financiamento comunitario da Fundación Galicia Europa.
A formación reúne esta semana en Bruxelas a 18 profesionais galegos de entidades públicas e privadas, incluíndo persoal da administración autonómica, concellos, empresas, ONG e universidade.
A Fundación Finnova, especializada no financiamento da innovación en empresas, rexións e municipios europeos, é a encargada de impartir dúas sesións formativas nas que os asistentes recibirán claves para presentarse a convocatorias de programas de financiamento, así como consellos xerais para preparar as candidaturas.
Os participantes poderán visitar as institucións comunitarias durante estes días. Achegaranse ata o Parlamento Europeo, o Comisión Europea e o Consello. Tamén visitarán o Comité Europeo das Rexións, onde aprenderán sobre a participación de Galicia nel, e o Comité Económico e Social.
A Consellería de Facenda colabora nesta nova edición grazas a un convenio que permite continuar organizando o curso. A formación das entidades galegas en financiamento europeo, especialmente as vinculadas á xestión dos fondos estruturais, é unha prioridade para Facenda. Ademais, o propio curso está financiado con fondos europeos, a través da asistencia técnica do programa FEDER Galicia.
“Un programa para afrontar desde Galicia os retos da UE”
Nas súas palabras de benvida aos participantes, o conselleiro salientou a relevancia desta formación e afirmou: “Confío en que este curso vos dea a oportunidade de reflexionar, combinando a perspectiva europea coa vosa, sobre como podemos afrontar desde Galicia os retos actuais da Unión Europea.” Indicou que entre eses retos se atopan a soberanía estratéxica, a transformación dixital, o cambio demográfico e a transición enerxética e ecolóxica, e subliñou que o curso abordará tanto as políticas europeas como os fondos que as acompañan.
“Achegarémonos ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, aos fondos estruturais, ben coñecidos en Galicia, como o FEDER e o FSE, e tamén a programas de xestión directa como o Horizonte Europa ou o LIFE.”, concluíu Diego Calvo.
Unha década de TecEuropa
TecEuropa é o programa de especialización en financiamento comunitario que a Fundación Galicia Europa organiza dende hai dez anos. O obxectivo é proporcionar ao persoal técnico das entidades públicas e privadas de Galicia unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da UE a través dos diferentes fondos e programas dispoñibles.
Ademais, búscase fomentar a existencia dunha rede de técnicos en Galicia para compartir experiencias e coñecementos, así como para desenvolver proxectos conxuntos. Dende o seu lanzamento en 2015, TecEuropa reuniu a máis de mil participantes: case 200 nas primeiras edicións presenciais, celebradas ata 2019, e máis de 900 nas dez edicións virtuais celebradas dende 2020.