A Comisión propón mellorar a infraestructura enerxética da UE para lograr facturas máis baixas e reforzar a independencia
10/12/2025 | Comisión Europea
— Esta proposta permitirá que a enerxía circule de maneira eficiente por todos os Estados membros, integrando as enerxías limpas máis baratas e acelerando a electrificación
Bruxelas, 10 de decembro de 2025. A infraestrutura das redes, que constitúe a columna vertebral do sistema enerxético europeo, modernizarase e ampliarase para liberar todo o seu potencial. O paquete de medidas sobre redes eléctricas europeas e a iniciativa Autoestradas Enerxéticas, propostas hoxe pola Comisión, permitirán que a enerxía circule de maneira eficiente por todos os Estados membros, integrando as enerxías limpas máis baratas e acelerando a electrificación. Isto contribuirá a reducir os prezos da enerxía e apoiará unha vida máis accesible para todos os europeos, ao tempo que se garante un subministro seguro e fiable nun contexto de abandono das importacións de enerxía rusa para acadar a independencia enerxética.
O paquete de medidas sobre as redes eléctricas europeas marca un novo enfoque da infraestrutura enerxética ao introducir unha perspectiva verdadeiramente europea da planificación, acelerar os procesos de concesión de permisos e garantir unha repartición máis xusta dos custos nos proxectos transfronteirizos. Este novo enfoque permitirá aproveitar ao máximo as infraestruturas existentes ao tempo que acelera o desenvolvemento de novas redes e outras infraestruturas físicas en toda a UE.
Co obxectivo de preparar a infraestrutura para o futuro, a Comisión propón novas formas de financiamento. A repartición de custos e a agrupación de proxectos son exemplos diso: unha infraestrutura enerxética transfronteiriza cada vez máis integrada xera beneficios máis aló do territorio no que se constrúe. Por iso, unha repartición de gastos xusta e transparente é esencial para evitar que os consumidores locais soporten cargas desproporcionadas. Para abordar esta cuestión, o paquete pretende achegar máis transparencia e equidade na avaliación de gastos e beneficios. A agrupación de proxectos de infraestrutura tamén pode facilitar o financiamento, por exemplo a través de entidades de propósito específico que atraian investimento adicional.
As oito Autoestradas Enerxéticas anunciadas pola presidenta Ursula von der Leyen no discurso sobre o Estado da Unión de 2025 abordan as necesidades de infraestrutura máis urxentes que requiren apoio adicional a curto prazo e un forte compromiso para a súa execución. Foron seleccionadas en función da súa importancia estratéxica para completar a Unión da Enerxía e do nivel de apoio político necesario para a súa correcta implementación.
A Comisión comprométese a acelerar de inmediato estas Autoestradas Enerxéticas mediante unha maior coordinación política, recorrendo aos grupos rexionais de alto nivel, mobilizando o apoio dos coordinadores europeos e colaborando estreitamente co Grupo de Traballo da Unión da Enerxía, ampliando o alcance máis aló dos Estados membros cando sexa necesario. Cada proxecto recibirá prioridade a nivel da UE, e a Comisión axudará os Estados membros a que tamén o prioricen a nivel nacional.
Seguintes etapas
As propostas lexislativas serán agora presentadas ao Parlamento Europeo e ao Consello conforme ao procedemento lexislativo ordinario. En paralelo, a Comisión continuará colaborando cos Estados membros e as partes interesadas relevantes para executar os principais proxectos de infraestrutura enerxética transfronteiriza incluídos recentemente na segunda lista da Unión de Proxectos de Interese Común e Proxectos de Interese Mutuo. Esta colaboración será fundamental para levar a cabo rapidamente a iniciativa Autoestradas Enerxéticas, así como para acelerar a concesión de permisos para proxectos de enerxías renovables, almacenamento e estacións de recarga.
Contexto
A pesar dos avances logrados no marco xurídico da UE, non se acadou aínda o nivel de interconexión necesario entre os Estados membros para unha verdadeira Unión da Enerxía, e varios países non están a avanzar ao ritmo preciso para cumprir o obxectivo de interconexión do 15 % para 2030. O custo da inacción é enorme: en 2022, os combustibles fósiles representaron o 70 % do consumo bruto de enerxía dispoñible na UE, e o 98 % de todo o petróleo e gas consumido polos Estados membros tivo que importarse, o que expón a UE a fortes riscos xeopolíticos e de prezos.
En 2024, os prezos da electricidade industrial na UE chegaron a 0,199 €/kWh, fronte aos 0,082 €/kWh en China e 0,075 €/kWh nos Estados Unidos. No primeiro semestre de 2025, o prezo medio para consumidores domésticos na UE variou entre 0,3835 €/kWh en Alemaña e 0,1040 €/kWh en Hungría, mentres que os prezos para consumo non doméstico oscilaron entre 0,2726 €/kWh en Irlanda e 0,0804 €/kWh en Finlandia. Unha das causas principais desta disparidade é a insuficiente integración e investimento na infraestrutura enerxética europea.
Por iso, é fundamental aumentar o apoio financeiro. No marco financeiro plurianual 2028-2034, a Comisión propuxo multiplicar por cinco o orzamento do Mecanismo Conectar Europa para a enerxía, pasando de 5.840 millóns € a 29.910 millóns €. Este financiamento público complementarase con medidas para impulsar o investimento privado na próxima Estratexia de Investimento en Enerxías Limpas.
Fonte: Comisión Europea