O CdR destaca o ditame galego sobre o futuro da pesca

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou esta mañá na última sesión da comisión NAT do actual mandato (2020-2024) do Comité Europeo das Rexións (CdR), que fixo balance do seu traballo durante estes anos

— Jesús Gamallo destacou a reunión externa da comisión celebrada en 2022 en Santiago sobre o Camiño como exemplo dun modelo distinto de turismo en Europa

Bruxelas, 27 de novembro de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na reunión número 25 da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR), a última do mandato (2020-2024). Nesta sesión, destacouse o ditame galego sobre o futuro da pesca como un dos dous asuntos con maior impacto político durante este ano, xunto ao espazo de datos sanitarios da UE.

O 7.º mandato da Comisión NAT viuse sacudido por intensos desafíos: dende unha pandemia mundial, o retorno da guerra ao continente europeo, a crise do custo da vida e as protestas dos agricultores, ata os devastadores efectos do cambio climático que asolan cidades e rexións europeas. Para responder a eles, esta comisión traballou intensamente en áreas como a seguridade alimentaria, o papel das rexións nos plans estratéxicos da PAC postos en marcha en 2023 ou unha visión a longo prazo para as zonas rurais.

Unha das áreas nas que tamén ten traballado NAT, a proposta da delegación galega, foi a política pesqueira común. Así, a finais do ano pasado o CdR aprobou o ditame “A política pesqueira común sobre o terreo: cara comunidades costeiras sustentables e resilientes na Unión Europea”. Gamallo foi o relator deste documento impulsado por Galicia que recolleu a posición das rexións europeas sobre o papel do sector da pesca e da acuicultura na transición ecolóxica, poñendo o foco no equilibrio que debe respectarse entre as dimensións medioambiental, económica e social da política pesqueira común.

Gamallo: “Os produtos pesqueiros son vitais para a seguridade alimentaria e para acadar a autonomía estratéxica”

O director xeral incidiu en que “da actividade deste sector non só dependen a saúde dos océanos e dos ecosistemas mariños, senón tamén o benestar e a prosperidade das comunidades costeiras”, e lembrou que “os produtos pesqueiros son vitais para a seguridade alimentaria e para acadar a ansiada autonomía estratéxica”.

Precisamente, o informe de impacto institucional do CdR 2024, tratado nesta reunión, recolle este ditame pola influencia que tivo no informe do Parlamento Europeo aprobado meses máis tarde baixo o título “A situación actual da aplicación da política pesqueira común e perspectivas futuras”. Un dos grandes logros que menciona dito informe é que, tras o chamamento do Parlamento Europeo e do Comité Europeo das Rexións en favor da creación dun comisario dedicado exclusivamente á pesca, a acuicultura e os asuntos marítimos, a nova Comisión Europea 2024-2029 vén de nomear a un comisario de Océanos e Pesca.

Durante o mandato do CdR que remata estes días, Galicia tamén destaca por ter acollido unha reunión externa da comisión NAT fóra da súa sede de Bruxelas. Con motivo do Xacobeo 21-22, a finais de 2022 celebrouse na capital galega unha cita centrada no Camiño de Santiago como un modelo distinto de turismo en Europa.

Contexto

No actual mandato 2020-2024 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participou na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). A primeira elabora ditames en áreas como as políticas comúns de agricultura e pesca, turismo ou saúde pública.

Detalles de contacto
Alejandro Gesto