— A Unión Europea busca reforzarse nun momento en que enfronta crises e retos cada vez máis complexos, dende o aumento das tensións xeopolíticas ata o incremento das catástrofes naturais
Bruxelas, 1 de abril de 2025. A Comisión Europea presentou estes días a Estratexia de Preparación da Unión e a Estratexia Europea de Seguridade Interior (ProtectEU) para reforzar a capacidade da UE ante as ameazas e crises emerxentes e responder fronte elas e garantir a seguridade dos cidadáns comunitarios. Ambas chegan nun momento en que a Unión se enfronta a retos cada vez máis complexos que non poden ignorarse.
A Estratexia de Preparación da Unión chega para apoiar aos Estados membros e mellorar a capacidade de Europa para previr e responder a cuestións como o aumento das tensións e os conflitos xeopolíticos, as ameazas híbridas e de ciberseguridade, a manipulación da información e a inxerencia por parte de axentes estranxeiros, pasando polo cambio climático e o incremento das catástrofes naturais. Inclúe 30 accións clave e un Plan de Acción detallado para avanzar nos obxectivos da Unión e desenvolver unha cultura de preparación dende o deseño en todas as políticas.
A presidenta Ursula von der Leyen declarou o seguinte: “As novas realidades esixen un novo nivel de preparación en Europa. Os nosos cidadáns, os nosos Estados membros e as nosas empresas necesitan as ferramentas axeitadas para actuar, tanto para previr as crises como para reaccionar rapidamente en caso de catástrofe. As familias que viven en zonas inundables deben saber que facer cando suben as augas. Os sistemas de alerta precoz poden evitar que as rexións afectadas por incendios forestais perdan un tempo precioso. Europa está disposta a apoiar aos Estados membros e aos países veciños que son os nosos socios de confianza para salvar vidas en medios de subsistencia”.
A estratexia ProtectEU, entre tanto, complementa á Estratexia de Preparación e ao Libro Blanco sobre a defensa europea. Establece unha visión e un plan de traballo ambiciosos para os próximos anos, cun conxunto de instrumentos xurídicos máis sólido, un maior intercambio de información e unha cooperación máis estreita. O obxectivo é que Europa revise o seu enfoque en materia de seguridade interior, á luz dos cambios na contorna de seguridade, coa proliferación de potentes redes de crime organizado e nun panorama no que os delincuentes e terroristas operan cada vez máis en liña.
En palabras de von der Leyen, “a seguridade é unha das condicións esenciais para unha das condicións esenciais para unha sociedade aberta e dinámica e para unha economía próspera. Esta é a razón pola que hoxe poñemos en marcha unha importante iniciativa para abordar mellor as ameazas á seguridade: ameazas como o terrorismo, a delincuencia organizada, a forte ondada de ciberdelincuencia e os ataques contra as nosas infraestruturas críticas. Reforzaremos Europol e dotaremos ás forzas e corpos de seguridade de ferramentas actualizadas para loitar contra a delincuencia, pero tamén os investigadores, as empresas e incluso os cidadáns poden contribuír a unha maior seguridade para todos”.
Máis información:Estratexia de Preparación da Unión para previr ameazas e crises emerxentes e reaccionar fronte a elas (Comisión) / A Comisión dá a coñecer ProtectEU: a nova Estratexia Europea de Seguridade Interior (Comisión)