— A invalidación dos aranceis impostos polo presidente Trump obriga a reconfigurar o marco comercial transatlántico e pon en cuestión a viabilidade do acordo bilateral coa UE, o coñecido como Turnberry Deal.
— A UE suspende a tramitación parlamentaria dos regulamentos vinculados ó acordo e mantén en reserva un paquete de contramedidas por valor de 93 000 millóns de euros.
Bruxelas, 24 de febreiro de 2026. O venres 20 de febreiro de 2026, o Tribunal Supremo dos Estados Unidos ditou unha sentenza histórica que invalidou os aranceis impostos polo presidente Trump a través da Lei de Poderes Económicos de Emerxencia Internacional (IEEPA), alterando radicalmente o panorama das relacións comerciais transatlánticas. A decisión afecta de cheo ó acordo bilateral UE-EE. UU. coñecido como o Turnberry Deal, cuxa base xurídica quedou desactivada, e abre un período de máxima incerteza para os exportadores europeos.
1. Instrumentos arancelarios en vigor
EE. UU. dispón de diversas vías xurídicas para impoñer aranceis, cada unha con distinto alcance, base legal e prazos. Na actualidade están activas simultaneamente as seguintes:
- Aranceis por motivos de seguridade nacional (Sección 232 do Trade Expansion Act de 1962): o Presidente pode impoñer aranceis sobre produtos que considere estratéxicos para a defensa do país, sen necesidade de probar unha práctica comercial desleal. Baixo esta sección, EE. UU. mantén un arancel xeral do 50% sobre as importacións de aceiro e aluminio de calquera orixe, incluída a UE. Estes aranceis non se viron afectados pola sentenza do Tribunal Supremo.
- Aranceis por prácticas comerciais inxustas (Sección 301 do Trade Act de 1974): esta vía esixe unha investigación formal de aproximadamente 9 meses para determinar se un socio comercial mantén prácticas discriminatorias ou contrarias ós intereses estadounidenses. Só tras esa investigación se pode impoñer un arancel, pero sen os límites do 15% nin dos 5 meses que ten a Sección 122. É dicir, os aranceis resultantes poden ser máis elevados e duradeiros. A administración estadounidense xa anunciou a apertura de investigacións “aceleradas” baixo esta sección contra a maioría dos seus principais socios comerciais, cubrindo ámbitos como os prezos farmacéuticos, a discriminación contra empresas tecnolóxicas estadounidenses e os impostos sobre servizos dixitais. Estas investigacións poderían derivar en aranceis adicionais que afecten a lexislación europea sobre a que non se asumiu ningún compromiso no acordo bilateral.
- Entre 7 e 8 investigacións comerciais en curso, vinculadas a distintos sectores e instrumentos, que poderían derivar en aranceis adicionais.
2. Sentenza do Tribunal Supremo e consecuencias
Ata o venres 20 de febreiro de 2026, o principal instrumento arancelario da administración Trump era a Lei de Poderes Económicos de Emerxencia Internacional (IEEPA), a través da cal se impuxeran dende a primavera de 2025 dous grandes paquetes arancelarios: os chamados “aranceis recíprocos” (cun mínimo do 10% a case todos os socios comerciais) e os aranceis vinculados ó tráfico de fentanilo (que afectaban a China, Canadá e México). Estes aranceis constituían o núcleo da política comercial estadounidense e foron tamén a base sobre a cal se negociou o acordo bilateral UE-EE. UU. coñecido como o Turnberry Deal
Nesta data, o Tribunal Supremo dos Estados Unidos ditou unha sentenza histórica (Learning Resources, Inc. v. Trump) na que se declarou que o Presidente excedera as súas competencias constitucionais ó empregar a IEEPA para impoñer aranceis. A sentenza estableceu de forma inequívoca que o poder de impoñer aranceis é unha competencia reservada ó Congreso e que a IEEPA (unha lei concibida para emerxencias de política exterior) non autoriza ó Presidente a establecer tributos sobre as importacións. Esta decisión invalidou de raíz ambos paquetes arancelarios. Estímase que EE. UU. recadou entre 130 000 e 175 000 millóns de dólares en concepto destes aranceis, agora declarados ilegais, o que abre unha cuestión moi complexa sobre posibles reembolsos ós importadores.
En resposta inmediata á sentenza, o Presidente Trump asinou esa mesma noite unha proclamación impoñendo un novo arancel universal do 10% (baixo ameaza de elevalo ata o 15%). A base xurídica empregada é a Sección 122 do Trade Act de 1974, unha disposición que autoriza ó Presidente a impoñer aranceis de forma inmediata e unilateral, sen necesidade de abrir unha investigación previa nin de demostrar que existe unha práctica comercial desleal por parte do país afectado. O Presidente pode invocar esta sección cando existan “problemas graves de balanza de pagamentos”. Esta vía ten, con todo, dous límites importantes: o arancel non pode superar o 15% e a súa vixencia máxima é de 150 días (ata finais de xullo de 2026). Para prorrogalo máis alá dese prazo, o Presidente necesitaría a aprobación do Congreso, o que se considera improbable no contexto político actual, con eleccións de medio mandato no horizonte. A Sección 122 nunca fora empregada ata agora para impoñer restricións comerciais.
Un aspecto técnico relevante é o modo no que se aplica o arancel da Sección 122. Todo produto que entra nos EE. UU. ten asignado un arancel base, coñecido como arancel MFN (nación máis favorecida), que é o tipo estándar aplicable ós membros da Organización Mundial do Comercio e que varía segundo o produto (pode ser do 0% para moitos bens industriais, pero tamén do 2%, do 10% ou do 15% para outros). O novo arancel do 10% da Sección 122 non substitúe ese arancel base, senón que se suma a el, o que significa que, para calquera produto europeo cun arancel MFN superior a cero, o tipo efectivo total superará o 15%. Baixo o Acordo UE-EE. UU, o teito arancelario do 15% era unha cifra “todo incluído” ( o tipo máximo total que se ía aplicar ós produtos da UE). A nova estrutura da Sección 122 rompe esa lóxica e constitúe, de facto, un incumprimento das condicións pactadas. A única excepción son os produtos xa suxeitos ó arancel do 50% da Sección 232 (aceiro e aluminio), que quedan excluídos da sobretaxa do 15% para evitar unha acumulación que elevaría o tipo ata o 65%.
En resumo, EE. UU. está a empregar simultaneamente tres vías arancelarias distintas, cada unha con diferente base xurídica, alcance e prazos. A combinación das tres configura un escenario de máxima presión comercial e considerable incerteza, agravado polo feito de que a base xurídica sobre a que se construíra a relación arancelaria bilateral (a IEEPA) xa non existe.
3. Acordo UE- EE. UU. (Turnberry Deal) e a súa viabilidade tras a sentenza
O 27 de xullo de 2025, EE. UU. e a UE alcanzaron un acordo marco bilateral, coñecido como o Turnberry Deal (polo lugar en Escocia onde se anunciou). O 21 de agosto de 2025 publicouse a declaración conxunta cos detalles do acordo, que incluía compromisos arancelarios recíprocos:
EE. UU. traduciu os seus compromisos nunha orde executiva de exención arancelaria (exemption order), é dicir, un acto executivo do Presidente polo cal se modifican as condicións arancelarias para un socio comercial concreto, eximíndoo total ou parcialmente dun réxime arancelario xeral previamente establecido. En virtude desta orde, EE. UU. fixou un teito arancelario xeral do 15% para os produtos da UE e reduciu o arancel específico sobre automóbiles e compoñentes europeos do 27,5% (vixente dende abril de 2025) ó 15%, con efectos retroactivos dende o 1 de agosto. A orde incluíu tamén exencións para determinados produtos como aeronaves, produtos farmacéuticos xenéricos e certos recursos naturais.
- Problema fundamental: esta exemption order foi implementada a través dos poderes que a IEEPA outorgaba ó Presidente. A sentenza do Tribunal Supremo, ó declarar ilegais os aranceis da IEEPA, invalidou tamén a base xurídica sobre a cal se construíu esta orde de exención. En termos prácticos, o instrumento xurídico que garantía ó UE un teito arancelario do 15% xa non existe.
- A nova sobretaxa do 10% da Sección 122, ó aplicarse sobre o arancel MFN (e non en substitución del), eleva o tipo efectivo por riba do 15% pactado para moitos produtos, o que constitúe un incumprimento de facto das condicións do Turnberry Deal.
O cumprimento dos compromisos europeos debía articularse a través de dous regulamentos:
- Regulamento sobre produtos industriais e agrícolas: prevé a eliminación dos aranceis europeos sobre produtos industriais estadounidenses e a concesión de acceso preferente ó mercado da UE para determinados produtos pesqueiros e agrícolas non sensibles dos EE. UU.
- Regulamento sobre a lagosta: estende a suspensión arancelaria sobre as importacións de lagosta (xa vixente dende decembro de 2020 e expirada en xullo de 2025) e amplía o seu ámbito para incluír tamén a lagosta procesada.
Ambos regulamentos foron xa adoptados polo Consello, pero aínda requiren a aprobación do Parlamento Europeo para a súa entrada en vigor. O luns 23 de febreiro, o presidente da Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo (INTA), Bernd Lange, convocou unha reunión extraordinaria na que os principais grupos políticos decidiron conxelar formalmente o procedemento sobre estes regulamentos. As votacións previstas para o martes 25 de febreiro foron canceladas. Trátase da segunda vez que o procedemento queda paralizado: a primeira foi en xaneiro de 2026, tras as ameazas de Trump sobre Groenlandia.
Na súa declaración, Lange sinalou que “un instrumento clave empregado pola parte estadounidense para negociar e implementar o Turnberry Deal xa non está dispoñible” e que “a situación é agora máis incerta que nunca”. Pola súa parte, a Comisión Europea emitiu un comunicado subliñando que “un acordo é un acordo” e que espera que EE. UU. “honre os seus compromisos, igual que a UE cumpre cos seus”.
Ademais destes compromisos pendentes de execución, a UE dispón dun instrumento de presión propio: un paquete de contramedidas arancelarias, coñecido como “medidas de equilibrio”, deseñado como resposta ás medidas comerciais estadounidenses. Este paquete afectaría a exportacións de EE. UU. á UE por un valor aproximado de 93 000 millóns de euros. Con todo, a UE optou por suspendelo no verán durante 6 meses como xesto de boa vontade no marco das negociacións bilaterais. Ó expirar dito prazo, decidiuse estender a suspensión outros 6 meses (decisión adoptada hai aproximadamente 10-12 días), mantendo así aberta a vía negociadora.
A UE ten que estar preparada para reactivar estas medidas se EE. UU. non garante que os aranceis da Sección 122 respectan o teito do 15% acordado, ou se se introducen novos aranceis. A UE tamén podería recorrer ó Instrumento Anticoerción (en vigor dende 2023) se EE. UU. emprega ameazas arancelarias para forzar cambios na lexislación europea.
4. Dimención agrícola
Aínda que as medidas arancelarias estadounidenses se centran fundamentalmente en produtos industriais (aceiro, aluminio, vehículos), a imposición dun arancel xeral do 10% (que se acumula sobre o arancel MFN xa existente) afecta ó conxunto das exportacións europeas, incluídas as agroalimentarias. A incerteza sobre se os acordos existentes se manterán integramente, xunto coa posibilidade de novas investigacións sectoriais, mantén aberta a porta a potenciais afectacións ó sector agrícola europeo. Así mesmo, as medidas de equilibrio suspendidas pola UE inclúen produtos agrícolas estadounidenses, polo que calquera reactivación das tensións podería ter repercusións cruzadas.