Lara Meneses visita Bruxelas para afondar no traballo da Unión Europea en materia de xuventude
28/02/2025 | EuroXuventude
— A directora xeral de Xuventude, que contou co apoio e asesoramento da Fundación Galicia Europa, mantivo encontros con representantes de distintas institucións sobre voluntariado, integración da mocidade no contexto europeo e o programa de mobilidade do Interrail
Bruxelas, 27 de febreiro de 2025. A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, mantivo hoxe en Bruxelas varias reunións de traballo con representantes de distintas institucións europeas para afondar no traballo da Unión Europea en materia de xuventude e a procura de novas colaboracións que favorezan á integración da mocidade galega en proxectos que se enmarquen en Europa. Durante a súa visita institucional, contou co apoio e asesoramento da Fundación Galicia Europa, que deseñou a súa axenda de contactos comunitarios.
A primeira hora da mañá, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantivo un encontro coa responsable da Unidade de mocidade e voluntariado solidario da Comisión Europea, Ioannis Malekos. Neste senso, Lara Meneses interesouse polos proxectos que esta entidade leva a cabo en materia de voluntariado, solidariedade ou axuda humanitaria, co obxectivo de buscar posibles liñas de colaboración entre ambas institucións.
A continuación, reuniuse coa conselleira de Xuventude na Representación permanente de España ante a Unión Europea, María José Tarrero, para tratar temas relacionados coa achega de novas oportunidades para a mocidade galega no contexto europeo. O último encontro da xornada foi co representante en Bruxelas da confederación de empresas ferroviarias EU Rail, Gianmarco Riolo, que deu a coñecer en profundidade o programa de mobilidade que ofrecen á mocidade para viaxar en tren por distintos países da Unión Europea cun único billete.
No marco destas xuntanzas, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor o convenio coa Fundación Galicia Europa, entidade coa que se reunirá na xornada de mañá para facer balance e da colaboración de cara as perspectivas de futuro. Entre os obxectivos desta colaboración están o fomento dos valores democráticos entre a mocidade e a posta en marcha de iniciativas para que os mozos poidan influír no futuro de Europa a través da coordinación con entes políticos.
Fonte: Lara Meneses visita Bruxelas para afondar no traballo da Unión Europea en materia de xuventude (Xunta)