O padroado da Fundación Galicia Europa aborda as prioridades de Galicia no novo mandato da UE
23/07/2024 | Fundación Galicia Europa
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da FGE explicou o proceso de renovación das institucións europeas e as prioridades políticas que están a perfilarse para o período 2024-2029.
— Na reunión celebrada hoxe, o padroado da FGE repasou as actividades desenvolvidas pola entidade no ano 2023, marcado pola visita de cinco conselleiros a Bruxelas, a defensa dun ditame sobre pesca no Comité Europeo das Rexións e a organización de oito encontros virtuais Xunta-UE e dúas edicións do curso “TecEuropa.”
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2024. O padroado da Fundación Galicia Europa (FGE) celebrou a súa última reunión semestral esta mañá en Santiago de Compostela, presidida polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da FGE, Jesús Gamallo. Tal e como expuxo na súa presentación, a entidade traballa actualmente nas prioridades para a defensa dos intereses galegos ante a UE trala renovación do ciclo institucional que se iniciou en xuño coa celebración das eleccións europeas.
A prioridades políticas presentadas por Ursula von der Leyen o xoves pasado no Parlamento Europeo, antes de ser reelixida como presidenta da Comisión Europea, avogan por reforzar a competitividade da UE, con especial fincapé na industria da defensa e no sector das tecnoloxías limpas; por destinar máis fondos á transición xusta e por preservar o modelo social europeo, propoñendo por primeira vez un plan europeo en materia de vivenda. Anunciou tamén a creación dunha carteira específica dentro da Comisión Europea para Pesca e Océanos, tal e como viña defendendo a Xunta de Galicia no último ano.
De particular interese para Galicia é o debate sobre o orzamento comunitario posterior ao 2027, dado que a Comisión está a revisar todas as partidas de gasto para facer unha proposta en menos dun ano. A FGE está a traballar en varias frontes para defender o valor engadido dos fondos procedentes da política rexional, que agora representan preto dun terzo dese orzamento. A posible revisión da Política Pesqueira Común, obxecto actualmente dunha consulta pública, e a aplicación da normativa europea recentemente adoptada, como o regulamento de Restauracion da Natureza ou a directiva de Enerxías Renovables, son outras das prioridades da FGE nestes momentos.
Galicia na Unión Europea no 2023
Na reunión de hoxe do padroado da FGE tivo lugar a presentación e aprobación da súa memoria de actividades do 2023. Ao longo do ano pasado, como representación de Galicia ante as institucións europeas, a FGE asistiu a máis de 250 reunións en Bruxelas, prestou apoio á participación institucional en 22 reunións do Comité Europeo das Rexións e organizou sete reunións de alto nivel entre as institucións europeas e altos cargos da Xunta de Galicia. En total, cinco conselleiros visitaron a capital comunitaria e máis de mil persoas participaron nas actividades da FGE, como os ‘Encontros virtuais Xunta-UE‘ ou o curso de especializacion en financiamento comunitario ‘TecEuropa‘.
No apartado de información, a FGE chegou a preto de 7.000 seguidores nas súas redes sociais (X e LinkedIn), aos 1.300 subscritores no seu boletín mensual de información e a 29.500 persoas a través da súa web. A actualidade da UE e da participación galega nos asuntos europeos constitúen o núcleo das súas publicacións.
Contexto
A FGE é un ente instrumental do sector público autonómico que, dende 1988, actúa como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. A Lei 10/2021 reguladora da acción exterior de Galicia recolle o seu mandato para “exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado”.
Os seus catro ámbitos de actuación son: a defensa dos intereses de Galicia ante a UE, a promoción da participación galega en proxectos europeos, a difusión de información sobre a UE en Galicia e a formación sobre as institucións comunitarias. Para a consecución destes obxectivos, a FGE conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das máis de 200 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.
Máis información: Xunta de Galicia