— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación, Jesús Gamallo, presidiu a reunión do padroado, onde se fixo balance da súa actividade no ano 2024.
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2025. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa (FGE), Jesús Gamallo, presidiu esta mañá a reunión semestral do padroado da FGE. Na xuntanza, aprobouse a incorporación das deputacións provinciais de Ourense e Pontevedra ao padroado. O director xeral incidiu na importancia de que, a partir de agora, as catro deputacións galegas formen parte da FGE, o que, salientou, reforzará a dimensión local na actividade da entidade.
Jesús Gamallo tamén destacou que, o pasado mes de febreiro, a Xunta asumiu a coordinación da delegación española do Comité Europeo das Rexións e que o presidente da Xunta, que lidera esta tarefa, se desprazou a Bruxelas en dúas ocasións para participar nas sesións plenarias desta asemblea de febreiro e xullo. Isto, explicou o director xeral, supón unha oportunidade para implicar a Galicia no debate europeo ao máis alto nivel.
O director xeral lembrou ademais que, nos últimos meses e durante 2024, a FGE acompañou e asesorou a diferentes departamentos do Goberno galego en diversos debates, como o bloqueo xudicial dos parques eólicos, o grao de protección do lobo ou o procedemento de infracción aberto pola concesión da AP-9, ademais do relativo ao futuro orzamento comunitario, cuxa proposta publicará esta semana a Comisión Europea. Cada un destes debates, destacou, esixe análise e coñecemento sobre o terreo, polo que é indispensable a presenza da FGE en Bruxelas, os contactos que tece e a interlocución directa que establece cos responsables das políticas e lexislación europeas.
Jesús Gamallo tamén fixo balance das cifras recollidas na memoria de 2024, aprobada na reunión. Entre elas, os preto de 45.000 beneficiarios das actividades da Fundación, a participación en máis de 250 reunións, a asistencia a 26 sesións do Comité Europeo das Rexións, os 25.000 usuarios do portal web, os máis de 7.700 seguidores nos perfís de Twitter, LinkedIn e Instagram, ou a organización de sete Encontros virtuais Xunta-UE.
A Fundación Galicia Europa (FGE) é un ente instrumental do sector público autonómico que actúa dende 1988 como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. A Lei 10/2021 reguladora da acción exterior de Galicia recolle o seu mandato para “exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado”. O seu padroado está formado pola Xunta de Galicia, Abanca, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e as Deputacións da Coruña e Lugo, ás que agora se sumarán as de Ourense e Pontevedra.
Os cinco ámbitos de actuación da Fundación son: a defensa dos intereses galegos ante a UE, o fomento da participación galega en proxectos europeos, o seguimento e información sobre a UE en Galicia, a formación e sensibilización sobre a realidade europea, e Euroxuventude, a plataforma da FGE para a mocidade. Para a consecución destes obxectivos, a entidade conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das máis de 200 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.
Máis información: Xunta de Galicia