— A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas inaugurou unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, centrada nunha das políticas comunitarias con maior peso orzamentario
— Nas máis de 40 sesións celebradas no marco deste foro de debate, máis de 500 representantes do Goberno galego puideron coñecer de primeira man as prioridades europeas con maior repercusión en Galicia
Bruxelas, 29 de outubro de 2024. A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou a sesión correspondente ao mes de outubro do ciclo ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas. A cita serviu para debater o futuro da Política Agrícola Común (PAC), unha das políticas comunitarias xunto coa cohesión, con maior peso no orzamento a longo prazo da UE. En concreto, representa o 31%, con 387 000 millóns de euros.
A directora da oficina da FGE en Bruxelas lembrou que a actual PAC xa está orientada cara unha política agrícola máis xusta, ecolóxica e baseada en resultados, con axudas á renda dos agricultores, medidas para garantir a seguridade alimentaria e preocupación pola subsistencia das zonas rurais sen descoidar a protección do medio ambiente. Con todo, Ana Ramos advertiu que a proposta para o marco financeiro posterior a 2027 terá que recoller as leccións aprendidas trala crise sanitaria e a guerra en Ucraína.
Á vista do sinalado nas orientacións políticas presentadas o pasado mes de xullo pola reelixida presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a nova PAC, explicou Ramos, terá que acadar un equilibrio axeitado entre incentivos, investimentos e regulación. Nestes momentos xa se están a producir debates preparatorios concentrados no informe que lidera o profesor Peter Strohschneider, cuxas conclusións guiarán o traballo do novo executivo comunitario en materia de agricultura e alimentación. Este documento presentarase nos primeiros 100 días do segundo mandato da Comisión von der Leyen.
Na sesión deste mes, Ricard Ramón i Sumoy, xefe de unidade adxunto na Dirección Xeral de Agricultura (DG AGRI) da Comisión Europea foi o encargado de achegar a visión comunitaria. Ramos agradeceulle que fose a súa segunda participación nos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, posto que xa participara en 2020 para abordar a arquitectura verde da PAC. Para expoñer a perspectiva e a experiencia galega contouse coa participación de Juan José Cerviño Varela, director do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) e director xeral da PAC e Control da Cadea Alimentaria da Xunta de Galicia, quen presentou os pasos que está dando Galicia para converterse nunha rexión líder na transición cara unha nova PAC máis verde, competitiva e resiliente.
Encontros virtuais Xunta-UE
Máis de 500 representantes do Goberno galego participaron nas máis de 40 sesións dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’ celebrados dende hai catro anos. Esta iniciativa da Fundación Galicia Europa xurdiu no contexto de crise sanitaria, para informar da resposta da UE e o deseño do período de programación 21-27, e evolucionou ata converterse nun foro mensual no que debater sobre os temas da axenda comunitaria máis relevantes para Galicia.
Máis información: Publicado o informe do diálogo estratéxico sobre o futuro da agricultura da UE (FGE)