Os 'Encontros virtuais Xunta-UE' chegan á súa 50ª edición cun debate sobre defensa - Fundación Galicia Europa

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou a sesión número 50 dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, moderada pola directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos.

— Francisco Casalduero, en representación da Comisión Europea, e Farrah Lisa Meghazi, subdirectora xeral da Xunta, achegaron as perspectivas europea e galega.

— O encontro contou tamén coa participación do tecido empresarial galego especializado, clave na posta en marcha da Estratexia galega de Seguridade, Defensa e Espazo.

Bruxelas, 24 de setembro de 2025 – O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou esta mañá unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, que acadaron xa a 50ª sesión dende a súa posta en marcha no ano 2020 pola Fundación Galicia Europa (FGE). A directora da oficina de Bruxelas da FGE, Ana Ramos, foi a encargada de moderar o encontro, que nesta ocasión estivo dedicado á política europea de defensa, un ámbito que gañou protagonismo na axenda comunitaria tras a invasión rusa de Ucraína.

Na súa intervención, o director xeral lembrou as futuras medidas de gran alcance anunciadas pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen: dende a posta en marcha do instrumento SAFE con 150 000 millóns de euros dispoñibles para compras conxuntas ata o lanzamento dun plan de preparación en materia de defensa con horizonte 2030. Jesús Gamallo explicou tamén que a proposta de novo Marco Financeiro Plurianual prevé destinar 131 000 millóns de euros a defensa, seguridade e espazo, multiplicando por cinco a dotación do período anterior. “Un esforzo sen precedentes”, asegurou, “que abre oportunidades tanto para os Estados membros como para as rexións”. Neste contexto, destacou o papel de Galicia, que leva anos desenvolvendo un ecosistema aeroespacial con aplicacións duais civís e militare.

Tras 50 sesións, os encontros virtuais achegaron as prioridades da axenda europea a máis de 700 representantes do Goberno galego.

Esta 50ª edición tivo tamén un carácter especial, ó contar coa participación de representantes do tecido empresarial galego ligado á Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aerospazo. A súa presenza permitiu abrir un diálogo directo entre a Comisión Europea, o Goberno galego e as empresas, un paso esencial para reforzar a posición de Galicia nun sector chamado a medrar con forza na UE.

Pola súa banda, Francisco Casalduero, asesor na Dirección Xeral de Defensa da Comisión Europea, presentou a visión do executivo comunitario sobre as prioridades da política de defensa, os instrumentos dispoñibles e as oportunidades de cooperación para os distintos territorios. En clave galega, Farrah Lisa Meghazi, subdirectora xeral de Promoción Industrial e Solo Empresarial, deu a coñecer a Estratexia Galega de Seguridade, Defensa e Espazo, que prevé un investimento público directo de 183 millóns de euros e a mobilización de ata 900 millóns adicionais. O seu obxectivo é reforzar o ecosistema empresarial, apoiar a innovación e consolidar a Galicia como referente nacional nestes sectores estratéxicos.

Encontros virtuais Xunta-UE

Máis de 700 representantes da Xunta participaron nas 50 sesións dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, celebrados dende 2020. A Fundación Galicia Europa impulsou esta iniciativa durante a pandemia, para informar da resposta da UE e o deseño do período de programación 21-27, que evolucionou ata converterse nun foro mensual no que debater sobre os temas da axenda comunitaria máis relevantes para Galicia.

Máis información

Análise FGEAcción pola Seguridade de Europa (SAFE)

Análise FGE– O Compás para a Competitividade da UE

Recapiti
Carolina