Galicia aposta por dar máis voz ás rexións no proceso lexislativo comunitario para que poidan anticiparse aos retos de futuro
30/10/2024 | Comité Europeo das Rexións
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE asistiu en Varsovia á 11ª Conferencia sobre a Subsidiariedade do Comité Europeo das Rexións (CdR), nun momento en que esta institución valora por primeira vez acudir ao TXUE para defender este principio
— Jesús Gamallo encargouse de defender a prospectiva estratéxica como ferramenta diferenciada para lexislar mellor nas rexións, que non consiste en predicir o futuro senón en prepararse para el máis alá do horizonte político inmediato
Varsovia (Polonia), 25 de outubro de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na 11ª Conferencia sobre a Subsidiariedade do Comité Europeo das Rexións (CdR), organizada conxuntamente co Grupo Director sobre a Mellora da Lexislación e a Subsidiariedade Activa (BRASS-G). O título desta cita foi “Lexislar mellor e subsidiariedade activa: claves para unha UE eficaz”.
Gamallo defendeu a prospectiva estratéxica como ferramenta diferenciada para lexislar mellor nas rexións. A súa principal diferenza é que profunda nas tendencias a longo prazo, nas incertezas e nos escenarios alternativos. Estes métodos, explicou o director xeral, permiten aos responsables da toma de decisión ir máis alá do horizonte político inmediato e tomar mellores decisións políticas a longo prazo. O punto clave, concluíu Gamallo, é que a prospectiva estratéxica non consiste en predicir o futuro, senón en prepararse para el.
Gamallo: “A prospectiva estratéxica non consiste en predicir o futuro, senón en prepararse para el”
O director xeral apostou, ademais, pola subsidiariedade activa e a proporcionalidade como elementos claves da lexitimidade democrática, esenciais, ademais, para acadar os obxectivos de cohesión territorial, social e económica. Os principios de subsidiariedade e proporcionalidade establecen, por un lado, que a Unión Europea unicamente actúa cando a súa intervención sexa más eficaz que a emprendida a nivel local, rexional ou nacional e, por outro, que esta debe ser proporcional aos obxectivos dos tratados.
As rexións e o novo ciclo institucional
Galicia e o resto de rexións apostan por que se aproveite o novo ciclo institucional comunitario para impulsar que esta subsidiariedade sexa activa. É dicir, que se dea máis voz ás autoridades locais e rexionais –especialmente, no proceso lexislativo– para garantir que se respectan estes principios e, polo tanto, non se vexan limitadas as competencias dos gobernos locais e rexionais. Precisamente agora, o CdR valora a posibilidade de facer uso por primeira vez da súa capacidade de acudir ao Tribunal de Xustiza da UE no caso de que se chegase a aprobar unha norma que centralizase os fondos da política rexional nas mans dos Estados membros e a Comisión Europea a partir de 2028.
Galicia apoiou un ditame no pleno nº161 do CdR, celebrado en xuño deste ano, no que se expresa a vontade das rexións a ter unha maior participación no proceso lexislativo europeo. De feito, deféndese que a lexislación debería ter unha base máis local e rexional, con máis instrumentos de consulta neses ámbitos, para o que se reclama o apoio da Comisión Europea. O documento advirte, ademais, que a gobernanza multinivel e a subsidiariedade activa serán necesarias para o futuro da democracia europea. Todo isto –engade o ditame– nun contexto de inestabilidade xeopolítica e transición ecolóxica e dixital, sen descoidar a competitividade económica e a resiliencia.
As rexións apostan por ter unha maior participación no proceso lexislativo europeo
Xunto ao impulso á subsidiariedade activa, Galicia apoia no marco do CdR a posta en marcha dun Programa de Mellora da Lexislación coordinado e eficaz, para construír unha plataforma de subsidiariedade única, con carácter interinstitucional, que actuaría como un comité consultivo de expertos en relación coa aplicación da subsidiariedade e a proporcionalidade.
Contexto
O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Galicia participa na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na Comisión de Recursos Naturais (NAT).