Galicia volve reclamar un modelo de xestión compartida dos fondos da UE

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

A Xunta sinala en Bruxelas que os plans únicos estatais para a xestión dos Fondos Europeos van en contra da autonomía das rexións

20/11/2025 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da Comisión Civex do Comité Europeo das Rexións

— No encontro debateuse a negociación do Marco Financeiro Plurianual posterior a 2027 que prepara a Comisión Europea e ao que se opón a delegación española do CdR

Bruxelas, 20 de novembro de 2025. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou este xoves nunha nova sesión da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (Civex) do Comité Europeo das Rexións (CdR). O punto central da reunión foi o debate sobre o marco financeiro plurianual posterior a 2027, que reforza a declaración aprobada polo CdR na sesión plenaria de outubro, na que as rexións lle solicitaban á Comisión Europea que revisase os termos do futuro Marco Financeiro Plurianual (MFP) da UE para o período 2028-2034.

A proposta que prepara a Comisión avoga por unha maior centralización dos fondos da UE, o que deixaría aos entes locais e rexionais con capacidades reducidas para abordar as súas necesidades territoriais específicas. Nesta liña, Jesús Gamallo volveu defender un modelo de xestión compartida dos fondos europeos para dar resposta aos novos desafíos da Unión Europea. O Goberno galego considera a negociación do marco 2028-2034 como un momento decisivo para o futuro de Europa e pide que as rexións teñan un papel fundamental á hora de deseñar e xestionar as accións necesarias para abordar os retos de cada territorio. “É preciso defender a vixencia do principio de subsidiariedade e a participación activa das rexións, xa que os plans únicos estatais van en contra da autonomía das rexións”, sinalou o director xeral.

Cómpre lembrar que a delegación española do CdR aprobou nunha reunión extraordinaria celebrada en Santiago de Compostela o mes pasado, e liderada pola de Galicia, a Declaración Galicia, un documento que expresa o desacordo das rexións españolas coa proposta inicial da Comisión Europea.

Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Por outra parte, con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres o próximo 25 de novembro, Galicia reafirmou en Bruxelas o seu compromiso cunha sociedade “libre de medo, baseada no respecto, na igualdade de xénero e na xustiza”, tal e como destacou o director xeral. Jesús Gamallo condenou calquera forma de violencia sobre as mulleres e lembrou a importancia de combatela en todos os ámbitos, tamén no dixital, onde Galicia está a impulsar unha Lei de Acoso e Violencia Dixital. Esta iniciativa reforza a prevención, a asistencia integral e a protección das vítimas mediante recursos de acollida, unha rede de Centros de Información á Muller (CIM) que atende 200 concellos, axudas económicas directas e apoio xurídico e psicolóxico gratuíto.

Fonte: Xunta de Galicia

Recapiti
María Sabarís