Os responsables de asuntos europeos da Xunta visitan Bruxelas para coñecer de primeira man as canles de participación no debate europeo
29/04/2025 | Fundación Galicia Europa
Bruxelas, 29 de abril de 2025. Os responsables de asuntos europeos da Xunta de Galicia desprazáronse ata Bruxelas os días 28 e 29 de abril para afondar no coñecemento do proceso comunitario de toma de decisións. Esta figura, creada pola Lei de Acción Exterior de Galicia de 2021, está ocupada por vicesecretarios xerais e subdirectores, e ten por obxectivo mobilizar a cada departamento autonómico para que participe nos asuntos comunitarios, especialmente, a través do Comité Europeo das Rexións (CdR) e no Consello.
A visita comezou na Fundación Galicia Europa, oficina de representación da Xunta de Galicia ante a Unión Europea, cunha sesión sobre as canles para achegar a posición galega ao proceso comunitario de toma de decisións. Máis aló da vía institucional, a directora da súa oficina en Bruxelas, Ana Ramos, explicou as posibilidades que ofrece o traballo en rede con outras rexións europeas e o potencial das visitas institucionais á capital comunitaria por parte dos altos cargos da Xunta de Galicia. Tamén na FGE, celebrouse ao día seguinte unha mesa redonda con funcionarios galegos que traballan no Consello e na Comisión Europea.
A axenda completouse con visitas ao Comité Europeo das Rexións, o Parlamento Europeo, e a Comisión Europea, onde os responsables de asuntos europeos se achegaron ao funcionamento da política de cohesión e ao novo Compás de Competitividade. Tamén visitaron a Representación Permanente de España ante a UE para abordar a participación autonómica no Consello e as posibilidades de estadías temporais nas institucións europeas para empregados públicos.
Contexto
Galicia participa nos asuntos europeos a través do Comité Europeo das Rexións, onde o presidente da Xunta de Galicia é un dos 21 membros españois; do Consello da UE, no que existe unha rotación semestral entre as comunidades autónomas para participar en catro formacións sectoriais xunto á administración central, e do sistema de comitoloxía, no que 90 comités de asesoramento á Comisión Europea están abertos á participación autonómica mediante unha representación rotatoria. Para esta participación, os responsables de asuntos europeos serven de punto de contacto coa Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.