Galicia pide en Bruxelas a revisión do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

Galicia e as rexións europeas chaman a unha revisión da proposta de Marco Financeiro Plurianual 2028-2034

15/10/2025 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou no pleno nº168 do Comité Europeo das Rexións (CdR), no que se aprobou unha resolución sobre o Futuro Marco Financeiro Plurianual (MFP) a partir de 2028

— Na sesión, celebrada no marco da Semana Europea das Rexións e Cidades, tamén se aprobaron importantes ditames sobre enerxía, biodiversidade, loita contra a pobreza, defensa e a perspectiva local e rexional no reforzo da muller na UE

Bruxelas, 15 de outubro de 2025. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), enmarcado na edición deste ano da Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek). De especial interese para Galicia foi a aprobación dunha resolución na que as rexións lle solicitan á Comisión Europea que revise os termos do futuro Marco Financeiro Plurianual (MFP) da UE para o período 2028-2034.

Jesús Gamallo sinalou que tanto Galicia como o resto das rexións españolas apostan por unha xestión descentralizada destes fondos que poña en valor o traballo levado a cabo polas comunidades autónomas. Advirte de que a centralización no reparto destes recursos sería “contraproducente” a nivel organizativo. Segundo Gamallo “implicaría un acceso máis complexo das rexións a estes recursos, xusto o contrario do que pretende a Comisión coa súa proposta”.

Ademais, Gamallo, como líder da delegación española ante o Comité Europeo das Rexións, destacou que a Política de Cohesión, que se desenvolve en parte a través de programas rexionais, demostrou ser unha ferramenta axeitada para acadar o obxectivo de reducir as disparidades entre rexións.

Nesta sesión plenaria, Jesús Gamallo presidiu a reunión da delegación española e representouna nun encontro con Kata Tutto, presidenta do Comité das Rexións, xunto coas demais delegacións nacionais. Nesa reunión informouse sobre a posición do CdR no debate sobre o futuro Marco Financeiro Plurianual (MFP) e sobre os próximos pasos a seguir.

No pleno tamén se aprobaron oito ditames sobre o estado da Unión da enerxía, a promoción da biodiversidade, a defensa europea, a inmigración, a loita contra a pobreza, e a perspectiva local e rexional no reforzo da muller na UE. Así mesmo, debateuse sobre os dereitos sociais na UE e a defensa europea.

Delegación española no pleno do Comité das Rexións | © Xunta de Galicia

Reunión en Santiago de Compostela

Para seguir afondando neste debate sobre o futuro orzamento común, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, convocou aos membros da delegación española no Comité das Rexións a unha reunión en Santiago de Compostela, o vindeiro 21 de outubro, para valorar a proposta da Comisión Europea sobre o Marco Financeiro Plurianual 2028-2034.

Esta reunión extraordinaria responde á necesidade de debater a nova proposta anunciada pola Comisión Europea, que supón un cambio na fórmula mediante a cal a financiación chegaría ás rexións.

Semana Europea das Rexións e Cidades

Este pleno coincidiu coa Semana Europea das Rexións e Cidades, o principal evento dedicado á Política de Cohesión da Unión Europea que cada ano reúne en Bruxelas a milleiros de participantes para compartir experiencias sobre o desenvolvemento rexional.

No marco destas xornadas publicouse a sexta edición do Informe anual da UE sobre o estado das rexións e cidades, no que se menciona a Galicia subliñando que as rexións cun maior nivel de igualdade de xénero adoitan acadar un mellor rendemento global e presentan unha mellor calidade de goberno.

“Case a metade da poboación da UE vive en rexións con mellores resultados —como A Rioxa, Galicia e Helsinki-Uusimaa— onde as mulleres afrontan menos desvantaxes. En contraste, máis dun terzo vive en rexións con baixos niveis de logro feminino e altas desvantaxes, especialmente en países do leste e do sur da UE”.

Galicia no Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Máis información: Xunta de Galicia

Recapiti
María Sabarís