Aberto o prazo de solicitude da bolsa de prácticas de I+D+i na FGE

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

— Este programa formativo ofrece a oportunidade de entrar en contacto cos asuntos europeos no ámbito da innovación e da investigación a través da realización de prácticas na oficina de Bruxelas da FGE.

— A bolsa está dirixida a persoas cun título universitario e o seu prazo de solicitude remata o día 2 de outubro.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2025. Aberto o período de presentación de solicitudes da bolsa para a realización de prácticas en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación na oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa. O Diario Oficial de Galicia do 2 de setembro publicou a convocatoria oficial da bolsa.

A través deste programa de formación anual lanzado en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain), a FGE potencia o coñecemento entre titulados universitarios sobre a I+D+i na Unión Europea dende unha perspectiva galega.

O prazo para que os interesados presenten as súas candidaturas estará aberto do 3 de setembro ata o 2 de outubro. As solicitudes deben presentarse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta, que poderás atopar baixo o código PR770M.

O proceso de selección da bolsa

Unha vez publicada a lista definitiva de admitidos e excluidos, o proceso de selección comezará cunha fase de valoración de méritos na que se terán en conta o expediente académico, as titulacións, os cursos e os idiomas, entre outros aspectos. No que respecta á titulación, son preferentes os estudos universitarios relacionados coas ramas de coñecemento de ciencias, ciencias da saúde, enxeñaría e arquitectura.

As primeiras persoas clasificadas pasarán a unha segunda fase, consistente nunha entrevista persoal. Nela valorarase o grao de coñecemento das institucións comunitarias, da política científica e tecnolóxica a nivel europeo, nacional e rexional, dos programas europeos do período 2021-2027 e da lingua inglesa (B2).

A persoa seleccionada comezará no vindeiro mes de setembro un período de prácticas dun ano na oficina de Bruxelas da FGE. O orzamento total da bolsa, de 19 923,58 euros financiados por Gain, cobre as retribucións, a seguridade social, os gastos de desprazamento e un seguro de cobertura sanitaria.

Contexto

O programa de bolsas é unha iniciativa enmarcada no compromiso coa formación e a sensibilización sobre a Unión Europea en Galicia da FGE, unha das súas catro áreas de actuación. Dende o seu lanzamento hai máis de tres décadas, máis de 500 bolseiros puideron coñecer de cerca as institucións e políticas europeas, así como o impacto destas na nosa rexión.

Máis información: Bolsas FGE

Recapiti
María Sabarís