Galicia avoga en Bruxelas por incrementar o investimento en redes eléctricas para favorecer a descarbonización no sector siderúrxico
25/09/2025 | Comité Europeo das Rexións
v— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, apoiou o Plan Europeo de Acción para o Aceiro e os Metais que busca reducir os gastos enerxéticos no sector industrial
— Os representantes das rexións e cidades tamén deron trámite a un ditame sobre un plan continente da intelixencia artificial que converta a Europa en líder mundial neste ámbito
Bruxelas, 25 de setembro de 2025. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na quinta sesión da Comisión de Política Económica (ECON) do Comité Europeo das Rexións (CdR). No encontro, celebrado en Bruxelas, os representantes das rexións e cidades aprobaron dous proxectos de ditame: un relacionado coa industria do aceiro e o metal e outra sobre a intelixencia artificial. Tamén se debateu sobre a estratexia para o Mercado único e sobre a contratación pública.
Galicia presentou tres emendas ao proxecto de ditame do Plan Europeo de Acción para o Aceiro e os Metais, que busca reducir os gastos enerxéticos e garantir prezos accesibles e competitivos para impulsar o crecemento industrial. Pretende, ademais, reforzar instrumentos como o CBAM (Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono) para protexer as industrias europeas da competencia desleal na produción de aceiro e metal en países con normas ambientais máis laxas.
Neste sentido, Jesús Gamallo defendeu no Comité das Rexións a necesidade de incrementar o investimento en redes eléctricas para que os proxectos de electrificación e descarbonización no sector siderúrxico se poidan acometer “con confianza e garantías”. “Na situación actual, as redes eléctricas son un atranco para desenvolver proxectos e obter permisos”, salientou o director xeral, engadindo que é preciso reforzar o investimento para reducir custos enerxéticos e avanzar na descarbonización.
Esta demanda de Galicia está en liña coas prioridades europeas e encaixa co anuncio realizado por Ursula von der Leyen no debate sobre o estado da Unión de hai unhas semanas. A presidenta da Comisión Europea propuxo un novo paquete de medidas orientado a reforzar e modernizar a infraestrutura europea de rede e acelerar a concesión de permisos que se traduzan nunha enerxía máis accesible. Galicia insta ademais a traballar para conseguir un mercado enerxético estable a través de mecanismos que permitan una maior competitividade, incluíndo a estabilización dos prezos.
Europa cara ao liderado na IA
Os representantes das rexións e cidades tamén abordaron un proxecto de ditame Plan de Acción Continente de Intelixencia Artificial, unha iniciativa de 200.000 millóns de euros que pretende converter a Europa en líder mundial en IA.
Os membros da comisión ECON reclamaron a redución da fenda da intelixencia artificial, fomentando ecosistemas de IA locais, rexionais, transfronteirizos e transnacionais na UE e salientando a importancia da sensibilización, a formación e o despregue de modelos de IA. En consonancia coas conclusións do recente estudo do CDR sobre a adopción da IA e da GenAI por parte das administracións locais e rexionais -no que se recolle o caso pioneiro de Galicia ao ser a primeira rexión europea en lexislar sobre intelixencia artificial-, pídese que a Comisión debuxe un sistema de seguimento normalizado e indicadores clave de rendemento para monitorizar o impacto da IA, axustar as estratexias e adaptarse aos avances tecnolóxicos.
Contexto
No actual mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na comisión de Política Económica (ECON). Esta última elabora ditames sobre economía, industria ou competencia, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos en relación á política económica, industrial e comercial comunitaria.
Máis información: Xunta de Galicia