Como cada ano, a volta do verán trae consigo unha importante cita institucional: o debate sobre o estado da Unión a cargo da presidenta da Comisión Europea. Ursula von der Leyen compartiu na súa intervención as prioridades esenciais e os proxectos emblemáticos para o próximo ano, partindo dos avances acadados pola UE nos últimos anos. Entre eles, destacan a folla de ruta para o mercado único ata 2028, que busca eliminar barreiras internas e promover unha maior integración en sectores críticos como a enerxía, as finanzas e as telecomunicacións.
O novo curso tamén nos trouxo a primeira sanción da Unión Europea contra Israel, suspendendo as disposicións relacionadas co comercio do Acordo de Asociación entre a UE e Israel. Esta decisión vén acompañada de sancións contra Hamás, os ministros extremistas e os colonos violentos.
En setembro coñecemos o informe sobre a evolución social e do emprego en Europa en 2025, que subliña que unha quinta parte da poboación en idade laboral, arredor de 51 millóns de persoas, está actualmente fóra do mercado laboral da UE. As mulleres, as persoas de entre 55 e 64 anos, as persoas migrantes e con discapacidade constitúen a gran maioría deste grupo.
Ademais disto, Galicia volveu á actividade no eido comunitario coa celebración en Santander dos 30 anos do Comité Europeo das Rexións, no que Alfonso Rueda, presidente da Xunta, destacou o papel esencial das rexións na construción europea e a contribución de Galicia á cohesión da UE.
Boa lectura!